Os mozos de Redondela non son alleos aos problemas derivados da mala alimentación e o sedentarismo que afectan á xuventude en xeral. Uns problemas que tenden a converterse nunha auténtica epidemia entre a poboación escolar. Conscientes deste feito, un grupo de profesores do Instituto Pedro Floriani organizan a I semana da saúde que se vai desenvolver entre o 7 e o 11 de abril.
A alimentación, a saúde e a práctica do deporte serán os eixes fundamentais dunha xornadas que organiza o Instituto Pedro Floriani durante a vindeira semana. Serán cinco días de obradoiros, exposicións, charlas e actividades deportivas para que os alumnos adquiran hábitos saudables e coñezan as vantaxes de levar unha dieta saudable, segundo explica Mercé Barrientos unha das profesoras que lidera a iniciativa Floriani Saudable. Esta docente de educación física salienta que os mozos do noso concello non se escapan dunha realidade que constata o incremento do sedentarismo, o sobrepeso e as incorrectas pautas alimenticias. Entre os datos máis alarmantes destaca o feito de que algúns alumnos acudan ás clases sen almorzar e que unha porcentaxe moi alta non coma froita nin verduras e pola contra consuma moita bolería industrial e bebidas de cola en exceso. Algunhas das actividades concretas a desenvolver consistirán no reparto de froita e na realización de almorzos saudables. Tamén presentarán un “Trivial saudable” unha versión do popular xogo con centos de preguntas relacionadas coa alimentación, o exercicio e a saúde. Un dos obxectivos desta I semana da saúde é implicar a toda a comunidade educativa e en especial a pais a nais xa que e moitos casos, aínda que sabedores de cal é a alimentación dos seus fillos, non son conscientes das repercusións que estes malos hábitos poden ter na súa saúde a medio e longo prazo.