A Concellaría de Cultura inaugura este venres ás 20.00 h, a exposición do artista redondelán Ángel Barros Montero. Baixo o título “O privilexio do esforzo” esta mostra pictórica mostra a obra dun dos artistas restauradores máis importantes das últimas décadas, que traballou extensa e intensamente en París, na Comunidade Valenciana ou en Montevideo. No acto proxectarase unha curtametraxe documental.
Ángel Barros traballou no obradoiro de Jean-Paul Ledeur, en París, na década dos anos 60 e 70, onde restaurou dende pintura románica ata pintura contemporánea, incluíndo creacións de Delacroix, Boucher e mestres do impresionismo, ademais de participar tamén na restauración de importantes pinturas murais. A finais dos anos 70 trasladouse a España, onde comezou a traballar en obras de importantes coleccionistas e anticuarios. Xa na década de 1980, recibe o primeiro encargo da Dirección General de Patrimonio Artístico da Generalitat Valenciana, institución da que recibirá varios encargos nos anos seguintes. Mais as súas intervencións máis importantes e de maior difusión son as que realiza para a Universitat de València, dentro do proxecto global de recuperación do edificio do Estudi General, da man do profesor Daniel Benito Goerlich. O legado de décadas de traballo artístico, composto por informes, miles de fotografías e numerosos documentos foron depositados en 2010 no Archivo Histórico de Restauradores Españoles, para a súa axeitada conservación. Na actualidade, xubilado e de volta á súa terra natal, segue a entregarse con extraordinaria paixón ao traballo artístico. Boa mostra diso é esta exposición, preparada con esforzo e cariño, da que poderemos gozar do 4 de abril ao 14 de maio nas salas I e II do Multiusos da Xunqueira.