Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mil veciños visitaron San Simón da man do alumnado do obradoiro de emprego

RR_Noticias

Nove persoas participaron do curso de Dinamización Cultural e Tempo Libre, enmarcado dentro do obradoiro de emprego “Emprega Verde” do Concello de Redondela, desenvolvendo un completo programa cultural con actividades para os nenos en colexios e bibliotecas así como actividades de rúa e facilitando que preto de mil persoas de diferentes colectivos e asociacións se achegaran á Illa de San Simón e coñeceran a súa historia. O obxectivo agora é atopar emprego neste sector.

“Aprender facendo” podería ser a máxima empregada polos alumnos da especialidade de Dinamización Cultural e Tempo libre que nos últimos meses se está a impartir no obradoiro de emprego “Emprega Verde” do Concello de Redondela. Baixo a dirección da monitora Elena Domínguez, os alumnos desenvolveron un completo programa cultural e educativo, que incluíu actividades para os nenos con sesións de contacontos, obradoiros de Nadal e actividades de dinamización na rúa. Con todo, o “proxecto estrela” foi un completo programa turístico orientado a divulgar a riqueza cultural da enseada de San Simón. Unha actividade orientada a asociacións e colectivos que facilitou o achegamento de case mil persoas á Illa de San Simón. Manuel Ferradáns, un dos alumnos deste obradoiro, explicaba o satisfactorio destas actividades que lles permitiron traballar con nenos e maiores. Uns alumnos que valoran positivamente a experiencia, aínda que lamentan que o curso non sexa de maior duración xa que aos seu entender “seis meses non é tempo suficiente para afondar en todos os contidos do curso” segundo explicaba Mónica Varela. O obxectivo último destes obradoiros de emprego é lograr a inserción no mercado de traballo destes “alumnos-traballadores” que ven na dinamización cultural e nas actividades de tempo libre e de promoción turística unha posible saída laboral. Con todo, malia sentirse mellor preparados e máis cualificados que antes de iniciar o curso, son conscientes do difícil que o teñen nun mercado moi amplo pero que presenta tamén unha elevada competencia. Seis meses de formación que a monitoria entende “un punto de partida que permite a este alumnado contar cunha maior capacitación de cara a buscar unha saída laboral nun sector que abarca un campo de traballo moi amplo”. A coordinadora do obradoiro Emprega Verde, Loli Daviña lembra que tamén está apiques de rematar a outra especialidade na que se formaron 13 alumnos, un curso de agricultura ecolóxica que se desenvolveu no Pazo de Pousadouro.  

Manuel Ferradáns alumno
Fálanos da experiencia vivida coa organización das visitas turísticas á Illa
Mónica Varela alumna
Lamenta que o curso non sexa dunha maior duración
Elena Domínguez monitora
Anima ao alumnado a seguir formándose e a loitar por traballar no sector
Loli Daviña coordinadora do Obradoiro
Fálanos das dúas especialidades impartidas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará