Un total de 88 nenos e nenas desde os 4 e ata os 14 anos participan nas actividades que organiza o departamento de Servizos Sociais do Concello de Redondela. Fano en catro campamentos distribuídos nos Multiusos de Redondela e Chapela e nos centros parroquiais de Reboreda e Saxamonde.
Trinta destes rapaces están a participar no campamento da Xunqueira con catro xornadas de actividades lúdicas de 9.30 a 13.30 horas. Alba, Mónica e Andrea son as monitoras que se encargan dos rapaces no Multiusos da Xunqueira, que están divididos en dous grupos en función da súa idade, os máis pequenos de 4 a 6 anos, e os maiores de 7 a 14. Os monitores organizan para os rapaces diferentes actividades lúdicas, artísticas e deportivas, tamén no exterior do edificio, con xogos de grupo nos que os rapaces gozan tamén do bo tempo destas datas. Os xogos no exterior, como o do “paracaídas”, son os que teñen máis éxito entre os rapaces como Pablo, Mónica, Lucas, Andrea e Erica, que teñen entre 4 e 6 anos. Os maiores tamén gozan das actividades ao aire libre, pero ademais fan traballos de manualidades moi creativos, como a “culler de pau pirata”. O que está claro é que o pasan moi ben con estas actividades, cambian a rutina diaria das clases e fan novos amigos. Este ano participan un total de 88 nenos e nenas (30 en Redondela, 21 en Chapela, 15 en Reboreda e 22 en Saxamonde). O obxectivo destas actividades, que organiza o departamento de Servizos Socias, é o de conciliar a vida laboral e familiar nestas vacacións escolares de Semana Santa.