Remataron a liga na Primeira Nacional na 9ª praza da táboa, con todos os obxectivos cumpridos, tanto nas categorías absolutas como nas inferiores. A directiva xa programa a próxima temporada, e o máis urxente é buscar un substituto a Diego Lorenzo.
Primeira Nacional Sar Plastic 23-27 Calvo Xiria Logo da derrota co Calvo Xiria no último partido de liga, a SAR Plastic Omnium fai balance da temporada. O presidente, Aurelio Krook, amosa a súa satisfacción polo rendemento do equipo tanto da liga Nacional como da Autonómica, aos que se sumaron xogadores xuvenís. Na Primeira Nacional conseguiron manter a categoría “sen pasar apuros” e o equipo de Segunda Autonómica ascendeu a Primeira Autonómica. Sinala que “os obxectivos están cumpridos” coa permanencia tamén dos equipos inferiores nas súas respectivas categorías. Agora a directiva prepara a próxima campaña, e a súa principal preocupación é atopar un adestrador para suplir a marcha de Diego Lorenzo, que debido á súa situación laboral e familiar, se ve obrigado a deixar o club. Agora o club busca un técnico que non só se faga cargo do equipo de máxima categoría, senón que tamén traballe “na formación dos adestradores das categorías inferiores”. O obxectivo é que o “elixido” poida tamén organizar o traballo cos equipos da base e darlle “un plus de calidade”. Krook, aínda que non desvela o nome de ningún candidato, recoñeceu que xa están en contacto con varios técnicos e que hoxe mesmo manterán unha entrevista cun deles, polo que nos vindeiros días xa se podería coñecer ao sucesor de Lorenzo. División de Honra Prata Bm. Barakaldo 27-26 Castro Chapela Os de Chapela, malia facer un meritorio encontro, non puideron co Barakaldo, e perderon de tan só un gol de diferencia. Complícase a situación para os de Fran Teixeira nesta recta final da liga. A próxima xornada volven xogar fóra, será na pista do Ereintza, o pechacancelas.