Aseguran os nacionalistas que dende hai meses o goberno local non atende ás súas demandas de información sobre a actividade municipal. Cuestionan tamén o papel que está a desenvolver a secretaria do alcalde que segundo explican “da instrucciones directas aos traballadores do concello”.
O BNG cualifica de “mala fe” o comportamento que nos últimos meses está a ter o goberno municipal co seu grupo xa que segundo aseguran “dende hai máis de seis meses, non respostan a ningún dos nosos requerimentos de información sobre a actividade municipal” e poñen como exemplo a solicitude de información sobre “as viaxes do alcalde a Madrid, a xestión do comedor en Quintela, a partida para Monte Penide e os informes sobre a caldeira en Porto Cabeiro”.
A intensificación deste “obstruccionismo” do goberno municipal, personalízase segundo engaden dende o bloque “na figura da secretaria do alcalde que se dedica a dar ordes e instruccións a traballadores e traballadoras do concello, carecendo de competencias para elo”.
Engaden tamén que a situación se ten agravado nas últimas semanas. Afirma o nacionalistas Xoán Carlos González que na actividade ordinaria de control da xestión municipal “se lle deron novas normas aos empregados municipais en referencia á consulta dos expedientes por parte do Grupo Municipal nacionalista restrinxindo o funcionamento democrático da actividade municipal”.