O pleno municipal que se celebra esta tarde ás 20:00 horas abordará dentro da orde do día diferentes cuestións de orde económica, que chegan a este debate logo de declaracións cruzadas entre os grupos políticos. Mentres o PP amosa a súa satisfacción por pechar as contas do 2013 cun remanente de 825.000 euros os socialistas acúsanos de lograr ese remanente “a costa dos máis desfavorecidos” ao deixar de investir en políticas sociais. O BNG entende que o dato é alarmante “xa que no 2012 o remanente era de 1.900.000 euros”.
Malia que os números son os mesmos as interpretacións son ben diferentes. Dende o goberno local os populares amosábanse días atrás satisfeitos pro pechar as contas do pasado ano cun remanente de 825.000 euros e unha estabilidade orzamentarias de máis dun millóns de euros. De feito, no pleno de hoxe ademais de dar conta destes datos o goberno de Javier Bas proporá que eses cartos se invistan en mellorar o saneamentos nas parroquias.
Un superávit nas contas do 2013 que os socialistas critican por entender que eses cartos retraéronse de partidas que debían ir encamiñadas a programas sociais. Aseguran dende o PSOE que o grupo popular “resolveu as axudas ao comedor escolar en marzo, polo que quedaron miles de euros sen adxudicar, tampouco executou as partidas destinadas á emerxencia social, nin en promoción de alugueiro social e estivo lonxe de investir a totalidade dos cartos destinados aos programas de inclusión social ou a alfabetización de adultos”. Outro aspecto que os socialistas lle critican ao goberno local é que “para acadar este remanente positivo deixaron de investir boa parte do diñeiro destinado a obras”.
Por outra banda, dende o BNG van máis aló e afirman que o goberno local mente en canto á xestión económica porque segundo explican no últimos anos o PP “reduciu o remanente de tesourería en 900.000€ e deixou de recadar preto de 2.000.000”.
Refírese en concreto o Grupo Municipal do Bloque ao capítulo de recadación municipal onde existiría un desfase de máis de 2.000.000 de euros entre o que o PP dixo que ía recadar no 2013 e o realmente ingresado.
Consideran igualmente alarmante dende a organización nacionalista o descenso en remanente de tesourería xa que “en marzo de 2102, primeiros meses do goberno de Javier Bas, existía un remanente de 1.900.000€ e dous anos despois queda en pouco máis 1.000.000. En menos de 2 anos reducíuse a capacidade de aforro do concello en 900.000 euros”.
Salientan dende a organización nacionalista que esta redución nos remanentes non víu acompañada en inversións que respostaran ás reais demandas sociais: servizos sociais, igualdade, saneamento, abastecemento de augas, creación e fomento do emprego, inversións nas parroquias.