Malia a unanimidade á hora de votar e aprobar a contratacións dunha nova empresa para que redacte o documento urbanístico por un importe total de 544.500 euros e un prazo de execución de catro anos prorrogable por outros dous, o punto non estivo exento de debate logo de que PSOE e PP se reprochasen mutuamente carecer de vontade política para ordenar urbanisticamente o concello.
O edil de urbanismo, Arturo González destacou a importancia deste trámite de cara a aprobar un Plan Xeral longamente esperado polos veciños e que se foi pospoñendo, segundo dixo, pola falta de vontade política dos anteriores gobernos para evitar así ter que enfrontarse cos veciños “xa que aprobar un PXOM supón dicirlle a algúns propietarios que os seus terreos non son edificables”. Explicou tamén que antes de dar este paso foi necesaria chegar a un acordo para rescindir o contrato coa anterior empresa redactora Arteplan S.L., o que supuxo un longo proceso de negociación para rebaixar as pretensións económicas de dita empresa. Dende o PSOE, Luís Orge, criticou ao goberno local a demora de tres anos ata chegar a aprobar as bases para a contratación dunha nova empresa cando na campaña electoral se presentaron “como o partido que ía ser quen de aprobar o PXOM durante o seu mandato no caso de chegar á alcaldía”. Criticoulles tamén que se preocupasen de levar a pleno “modificacións puntuais das normas urbanísticas” e non de axilizar a aprobación do Plan Xeral. Na súa intervencións quixo aclarar que un dos motivos de que gobernos anteriores non puideran sacar adiante este documento habería que buscalo nos cambios continuados de normas supramunicipais Dende AER o seu voceiro Alfonso Blanco solicitaba unha maior axilidade para facer o PXOM o antes posible e a voceira nacionalista, Cecilia Pérez Orge demandaba que se busque “o maior consenso posible entre as forzas políticas e sociais pola repercusión que este documento terá no futuro desenvolvemento do concello”.