En augas do Vao volveu vivirse un intenso duelo entre a embarcación de Chapela e Samertolaméu, que acabou en segunda posición. Na xornada do sábado en Bueu as de Meira foran primeiras e as redondelás segundas.
As mozas de Chapela, os xuvenís de Mecos e os absolutos de Tirán proclamáronse campións onte pola mañá, na regata da liguiña de traiñeiriñas que organizou o Club de Remo Coruxo, fronte á praia do Vao. Unha mañá asollada pero cunha brisa fresca do norte que nas balizas da virada exterior puxo a proba aos equipos e aos seus patróns. Na primeira categoría absoluta feminino de novo, como en regatas anteriores, estableceuse un estreito duelo entre Chapela e Samertolaméu. Dous equipos chamados a ser protagonistas no Campionato de España. As de Meira dobraron na cabeza a primeira virada e logo Chapela igualou, chegando á última ciaboga coas dúas proas absolutamente iguais (13:27). A última recta decidiu e aquí as mozas de Arealonga souberon terminar mellor que as de Meira e cruzaron a meta cun barco por diante. Unha bonita regata na que Mecos, terceiro, e Tirán, cuarto, nada puideron facer con vistas á vitoria.
Resultados:
Absoluto feminino: 1. Chapela, 17.19:97; 2. Samertolaméu, 17.24:00; 3. Mecos, 18.04:47; 4. Tirán, 18.15:56; 5. Vila Cangas, 19.04:81; 6. Amegrove, 20.00:72.-
Xuvenil masculino: 1. Mecos, 15.57:18; 2. Robaleira, 16.29:75; 3. Mecos-B, 16.34:91; 4. Tirán, 16.41:31; 5. Cesantes, 16.41:69; 6. Ría Marín, 17.18:31.
Absoluto masculino: 1. Tirán, 15.47:44; 2. Samertolaméu, 15.59:81; 3. Vilaxoán, 16.01:44; 4. Moaña, 16.07:78; 5. Amegrove, 16.08:56; 6. Mecos, 16.32:72.