A Concellería de Cultura organiza durante a fin de semana diferentes actividades co gallo da celebración do Día das letras galegas. Unha programación que arrancará xa na mañá do sábado coa música das gaitas, unha Alborada que percorrerá as rúas a partir das once de mañá, para dar paso ás 12:30 horas ao Acto institucional que se vai desenvolver na Alameda.
O domingo haberá un concerto a cargo de 2naFonteira un dúo formado por Carmen Penim na voz e Maurizio Polsinelli ao piano, quen presentarán o seu último disco que leva por título Zapatiños para Díaz Castro, un traballo no que poñen músicas a catorce poemas do libro Nimbos, do escritor ao que lle dedica este ano as Letras Galegas. Un disco particularmente intenso, alegre e luminoso que supón unha mostra da calidade e orixinalidade compositiva e artística que propón este dúo, que reúne calidade con paixón nos seus directos. Unha actividade de balde no Multiusos do Piñeiral en Chapela o domingo ás 20:30 horas.