O BOE publicaba no festivo das Letras galegas a aprobación do proxecto definitivo e a orde para iniciar as expropiacións dos tramos de ampliación da AP-9. O proxecto construtivo que permitirá dotar a ponte e o tramo da autoestrada que cruza por Chapela cun terceiro carril en cada sentido ascenderá a 180 millóns de euros. O anuncio abre a porta a que Audasa inicie o proceso de contratación para unha obra que conta cun prazo de execución de 36 meses.
O anuncio era esperado pola Asociación de afectados pola AP-9 de Chapela logo das recentes declaracións da ministra de Fomento, Ana Pastor. De feito, dende esta asociación teñen previsto realizar unha asemblea veciñal e non descartan retomar as mobilizacións en contra desta obra que entenden vai ser moi prexudicial para a parroquia. Malia todo e logo de reunirse co alcalde, Javier Bas a pasada semana, decidiron pospoñer calquera iniciativa á espera dunha reunión comprometida dende o goberno local co director xeneral de Carreteras, Jorge Urrecho Corrales. Nesa xuntanza coñecerán xa polo miúdo as expropiacións que se prevén realizar na parroquia e os nomes e apelidos dos veciños que se van ver afectados.
Unha vez dispoñan de dita documentación convocarán unha asemblea para informar aos veciños.