Unha veciña de Redondela, A.M.P. de 22 anos de idade resultou ferida nun accidente que se producía ás 2:20 horas da madrugada de hoxe na N-550 á altura da recta do Pereiro en Cesantes. Foi necesaria a intervención do Grumir de Redondela, a Garda Civil e os bombeiros do Baixo Miño para que a condutora puidese saír do vehículo.
Novo accidente neste caso de madrugada en Cesantes que nos deixa unha muller ferida nun sinistro que se producía cando por causas que se descoñecen perdeu o control do vehículo que conducía, un Peugeot 306 que acabou colidindo contra un muro dunha vivenda unifamiliar.
Foi precisa a intervención do Grumir e dos Bombeiros do Baixo Miño para liberar a moza que a consecuencia do estado no que quedou o turismo non podía saír polo seu propio pe. Os traballos, que se prolongaron ata as catro da madrugada, consistiron en retirar o teito do vehículo. A moza, malia o aparatoso do accidente, non resultou ferida de gravidade aínda que foi trasladada a un centro hospitalario para a súa posterior valoración.
Tarefas de limpeza en Soutoxuste
Por outra banda está previsto que na xornada de mañá se proceda a retirar o camión que na noite do pasado luns se precipitaba por un noiro de 30 metros no lugar de Soutoxusto no Viso. As tarefas para a retirada do camión e da súa carga, varias toneladas de kiwis, obrigarán a cortar un carril da N-550. Lembramos que nese tráxico accidente faleceu o seu condutor, un camioneiro de nacionalidade portuguesa.