Tanxarina aposta por lles falar aos nenos de temas reais e proponnos na súa última obra “A casa do avó” que se presentará no Festival Internacional de Títeres de Redondela este sábado ás 17:00 horas, unha serie de divertidas aventuras a través das cales lles achegan aos máis pequenos a problemática dos desafiuzamentos. Unha obra dirixida por Cándido Pazó e na que Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez volven arriscar con novas técnicas. Hoxe xoves La Tartana presenta a obra “De las manos” ás 21:00 horas no Multiusos.
Un neno recibe o aviso de que o seu avó vai ser desaloxado da súa casa embargada por un banco. O neno pon en marcha un plan para axudar aos seu avó e dispárase un mundo de pequenas e divertidas aventuras nun encontro entre o cómico e o poético. Outro xeito de falarlles aos máis novos da realidade e dos desafiuzamentos nunha obra orientada ao público familiar a partir dos seis anos. Tanxarina innova na temática pero tamén na técnica empregada, cunha mestura de traballo actoral, corpóreos e siluetas movidas por fíos. A obra estréase este sábado logo de ser testada polos máis pequenos nas funcións escolares cun resultado excelente. La Tartana Hoxe xoves o espectáculo para adultos correrá acargo da Compañía la Tartana coa obra “De las manos”, un traballo en coprodución con La Fauna, que chega ao Festival para substituír á compañía chilena Teatro Milagros, que por un desafortunado accidente tivo que anular a súa presenza nesta edición. A obra está ambientada nun psiquiátrico que non alberga soamente as enfermidades mentais de quen os habita, senón que tamén supón o encerro da mente de cada un deles, da imaxinación e dos soños. En “De las manos” poderemos ver teatro de actor, de sombras e autómatas. Os horarios de venda de entradas será de dúas horas antes da función, a un prezo de 5€ adultos e 3€ nenos (ata 12 anos).