As tarefas a realizar e que ascende a preto de 200.000 euros, pretenden tratar os cheiros e reducir a emisión destes nas instalacións existentes, ademais de mellorar a calidade visual e sonora na contorna da EDAR de A Marisma coa instalacións dun peche vexetal. A Xunta achega o 100% do investimento a través dos fondos Feder.
En base a esta actuación, que se executa no marco dun acordo de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Redondela, realizarase a instalación dun sistema de desodorización, posto que un dos obxectivos do proxecto é reducir a contaminación por cheiros.
Tamén, se procederá á adaptación dos sistemas de control da planta, incorporando as sinais dos novos equipos e da rexa de grosos ao centro de control da Estación Depuradora de Augas Residuais. Finalmente, farase unha instalación dun peche vexetal perimetral en toda a EDAR, coa súa correspondente rede de rego.
As accións a levar a cabo, que teñen un prazo de execución de 6 meses, supoñen un investimento de case 200.000 euros, aboados pola Xunta de Galicia coa cofinanciamento de fondos europeos FEDER. Cabe sinalar que a porcentaxe de financiamento por parte da Xunta para este tipo de colaboracións é ata do 100% do total do custo das obras requiríndose a previa aprobación polo Consello da Xunta no suposto de conterse obrigas de gasto plurianuais ou unha contía superior a 150.233 euros, como é o caso.