A entrega e o xogo dos pupilos de Fran Teixeira non foi suficiente para superar ao Pozoblanco. As decisións arbitrais tiveron moito que ver na derrota dos redondeláns por 29-27 fronte aos anfitrións da fase de promoción de descenso, o que exasperou tanto aos xogadores como ao corpo técnico do Chapela.
Malia que o Palma del Río xa era dono da praza directa de permanencia, onte aínda estaba en xogo a posibilidade de facerse cun posto en caso de repesca. E ningún dos dous equipos baixou os brazos. Houbo alternativas para os dous equipos ao longo dos minutos, unhas veces estaba por diante o Pozoblanco e outras o Castro Chapela. O Pozoblanco encadeou catro penaltis consecutivos transformados por Agustín. Por contra o Chapela quedaba na pista con catro xogadores tras as exclusións de Cuadrado e Anxo no minuto 12. Coas decisións arbitrais en contra, Fran Teixeira pediu un tempo morto cando Pozoblanco estaba por diante (9-7). O últimos quince minutos seguiron moi igualados e o Chapela dispuxo de varias ocasións para poñerse por diante, mágoa que Óscar fallou varios lanzamentos. A falta de corenta segundos para chegar ao final da primeira parte, Iago Cuadrado conseguiría o empate. O Pozoblanco dispuxo do último ataque pero perdeu o balón e no contraaque provocou un penalti que foi transformado por Chema Cid, que deixou o marcador ao descanso favorable para os redondeláns cun15-16. Na segunda metade os de Teixeira cometeron varios erros que foron aproveitados polos locais con tres goles seguidos de Bustos cos que se puxeron por diante con 21-20 ao aproveitar ademais a superioridade numérica tras a exclusión de Iago Cuadrado. Co marcador 25-24 a falta de dez minutos o adestrador do Pozoblanco pediu un tempo morto para darlle algo de descanso aos seus xogadores. Nos últimos cinco minutos o Chapela tentouno, con máis corazón que cabeza, ao ver que a categoría se lles escapaba definitivamente.