O grupo de música tradicional actúa este sábado 31 de maio ás 22.30 h no Campo da Feira. Unha actividade de balde organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Este grupo de orixe redondelá, iniciou a súa andaina en 1990 no muíño vello de Redondela e, aínda que orixinariamente estivo formado por catro gaiteiros, a partir do ano 2001 incorporou á formación as voces do que se convertería no Orfeón Treixadura. Na actualidade a formación está composta por Antón López, César Longa, Magoia Bodega, Paulo Nogueira e Xaquín Xesteira, na parte musical; e por 10 compoñentes do Orfeón Treixadura, que forman parte deste proxecto conxunto.
A súa discografía comeza en 1996 con Obrigado, e continúa con Unha noite no muíño (1999); Unha noite non é nada (2003); Unha semaniña enteira (2006) e Esa si que é muiñada (2011), traballos cos que se foron convertendo en referente da música tradicional galega e no grupo que máis contribucións achegou ao repertorio dos grupos de música tradicional e música vocal galega.
Treixadura é sinónimo de música tradicional, e os seus ritmos, cantigas e instrumentos encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos. O seu obxectivo é divulgar a música tradicional galega e facer que o público goce bailando, cantando e escoitando música de noso.