A saída de Diego Lorenzo obrigou ao club a buscar un novo técnico, e desde a directiva querían a alguén con experiencia. Non só para adestrar ao equipo de Primeira Nacional, senón tamén para facerse cargo da formación dos adestradores das demais categorías. O técnico, que estaba aos mandos do Seis de Nadal da División Prata Feminina, xa prepara a pretemporada da SAR.
O presidente do club, Aurelio Krook, amósase satisfeito coa chegada de Carlos Rey ao club, xa que a súa dilatada experiencia servirá para organizar o traballo en todas as categorías, ao asumir a dirección deportiva da SAR. A fichaxe supón o regreso a Redondela dun home ben coñecido polo balonmán local, xa que adestrou á SAR durante varios anos, na última ocasión hai catro temporadas, cando conseguiu o ascenso á Primeira Nacional. Isto supón “unha vantaxe”, segundo Krook, xa que Rey coñece a moitos dos actuais xogadores, algúns deles militaban en categorías inferiores, e outros xa pertencían ao primeiro equipo. O novo técnico prepara xa a pretemporada, e estuda posibles reforzos para o equipo, aínda que polo de agora non hai ningunha fichaxe. Torneo Internacional de Aveiro O club redondelán participará a finais deste mes de xuño no Torneo Internacional de Balonmán que se celebra na localidade portuguesa de Aveiro. Participarán seis equipos da SAR de categorías inferiores (un benxamín, un alevín, dous infantís, un cadete e un xuvenil). Dispútase entre os días 25 e 29 de xuño, e supón un “premio” para os xogadores, que gozarán de cinco días de deporte e amizade. Unha boa experiencia para os rapaces, que o presidente mesmo valora máis no aspecto social que no deportivo, xa que supón “unha importante experiencia de convivencia e compañeirismo” para os xogadores.