Técnicos da Autoridade Portuaria visitarán na vindeira semana o areal de Chapela para valorar cal serían as actuacións máis axeitadas de cara frear a perda de area. A Asociación de Veciños de Chapela entende que a construcción dun dique na praia podería ser a solución, unha obra que custaría segundo os orzamentos que manexa a Concellería de Medio Ambiente, entre 28.000 e 32.000 euros.
A presidenta da Asociación de Veciños da Parroquia Angeles Méndez, explica que a perda de area é un problema que se ven producindo nos últimos anos e que fai que as pedras queden ao descuberto. Responsabilizan desta situación ao paseo construído no ano 2007 xa que dende ese ano “o nivel de area baixou un metro e medio”. O colectivo remitiu xa un escrito tanto á Consellería de medio Ambiente como á Dirección Xeral de Costas demandando que realicen un estudo técnico no que se analice a situación. Como solución ao problema entenden que sería necesario construír unha escolleira, que segundo os datos que manexa o Concello custaría entre 28.000 e 32.000 euros.