A Rede de Músicas Soltas pecha o programa co concerto a dúo do vasco Kepa Junkera e o galego Xabier Díaz. Farán temas da tradición galega así coma outros xa clásicos do repertorio de Junkera. Unha actuación que terá lugar o sábado 14 ás 21:00h. As entradas teñen un custo de 4 euros e estarán á venda dende o xoves 12 no propio Multiusos.
A Rede de Músicas Soltas de Redondela, que vén desenvolvéndose dende o mes de xaneiro, froito da colaboración da Concellaría de Cultura e A Central Folque, remata este sábado cun concerto especial do artista vasco Kepa Junkera, que nesta ocasión estará acompañado do músico galego Xabier Díaz. Kepa Junkera está considerado o músico que revolucionou a trikitixa, un acordeón diatónico que se fixo moi popular no País Vasco a partir do século XIX, e da música tradicional vasca en xeral. Na actualidade Kepa está presentando o seu último disco, Galiza, un libro-CD gravado en 2013 e no que colaboran a maioría dos músicos e intérpretes galegos de máis sona, entre os que se atopa Xabier Díaz. Neste concerto, que se celebrará no Auditorio da Xunqueira o sábado 14 de xuño, ás 21.00 h, interpretarán temas deste traballo xunto a outros da colleita da tradición galega e temas xa clásicos no repertorio de Kepa Junkera.