A Asociación Ap-9 Chapela e a Federación de A.VV. de Moaña “A Chamusca” acordaron a unión de forzas contra a ampliación da ap-9 por considerar que é “unha aberración social, económica, ambiental e sen sentido”. Despois de reunirse na fin de semana teñen previsto poñer en marcha un calendario de asembleas para concretar manifestacións simultáneas en ambas as dúas localidades ademais de colaboración plena para poder informar os veciños de ambas poboacións afectadas.
Ambos colectivos coinciden en denunciar a falta de información e un “escuro ocultismo do Ministerio de Fomento sobre esta obra”.
A asociación de afectados de Chapela está agora tamén traballando no ámbito legal xa que logo da última información facilitada por Fomento son unhas 60 propiedades as afectadas pola ampliación da autoestrada ao seu paso por Rande e Chapela, unha cifra que supera de longo as 30 parcelas que se contemplaban no proxecto inicial. Por ese motivo non descartan a posibilidade de facer novas alegacións ao proxecto aínda que recoñecen que será difícil que haxa cambios “cando a obra xa está licitada”.