O grupo municipal socialista amosa a súa preocupación porque continúan sen existir novas do centro de día de Cesantes logo de que dous meses atrás a Xunta anunciase a súa intención de modificar o seu uso e destinado á diminuídos psíquicos. Reclaman ao goberno local que dea explicacións sobre o futuro do centro e alertan do deterioro que están a sufrir as instalacións.
Tras o anuncio da Xunta de cambiar a finalidade do centro, o grupo popular e o alcalde de Redondela, Javier Bas, anunciou que ía a traballar neste caso, pero dende o PSOE aseguran que dous meses despois “carecemos de novas e moito tememos que, finalmente, Redondela perda un centro de día residencial que é moi necesario, xa que existe unha forte demanda deste servizo”. Por este motivo solicitarán no vindeiro pleno municipal información que aclare como se vai xestionar este centro “de vital importancia para a vila”.
O grupo socialistas alerta do deterioro que está a sufrir este edificio de Cesantes. “É cuestión de acudir ás inmediacións do edificio e contemplar como se está a deteriorar o entorno e, moito tememos, que ó non realizar ningún tipo de mantemento está pasando o mesmo no interior do edificio” indicou a concelleira socialista Digna Rivas.
Por este motivo, solicitan á Xunta que “manteña o uso de centro de día residencial para a infraestrutura de Cesantes, tal como foi deseñado e que, ademais, acelere o proceso de posta en marcha porque cada día que pasa a infraestrutura deteriorase un pouco máis xa que parece completamente abandonado”.