O club Arealonga F.S. organiza este evento deportivo que arranca mañá mércores, día 18, no Pavillón Municipal de Chapela e no que participarán 100 equipos de categorías base e outros 42 sénior. Ata o día 29 de xuño saltarán á pista uns1.200 nenos e nenas desde os 4 anos de idade, e 450 xogadores sénior de equipos masculinos, femininos e mixtos.
O torneo é xa todo un referente na provincia de Pontevedra, e no Arealonga F.S. amósanse moi satisfeito co éxito desta cita deportiva. O presidente, Iván Vázquez, mesmo lamenta que moitos clubs que solicitaron a súa participación unha vez rematado o prazo de inscripción tiveran que quedar fóra do torneo por falta de prazas. Do club Arealonga F.S. Chapela participan un total de doce equipos, nove das categorías base e tres de sénior. Na organización confían en que estes días sexan unha verdadeira “festa do fútbol sala” en Chapela, na que se implica toda a parroquia. De feito a filosofía do club é non só formar futbolistas, senón tamén “deportistas”, e fomentar os valores de “compañeirismo, respecto e esforzo persoal”. Por iso para Vázquez Figueroa o club é xa como “unha gran familia”na que todos participan, desde as familias dos xogadores ata os empresarios e comerciantes da parroquia, que os apoian ao longo de todo o ano. Tamén este XI Torneo se implicaron unha vez máis os negocios e comercios de Chapela e arredores, cunha colaboración que desde o club consideran “moi importante”. O calendario do torneo deixa para o domingo 29 de xuño as finais e a entrega de premios, con trofeos e premios en metálico para os catro primeiros clasificados, así como o recoñecemento ao equipo máximo goleador, ao que encaixe menos goles, e o premio á deportividade.