A Praia da Punta, en Cesantes, será a primeira de Redondela na que se ice unha Bandeira Azul. A cita é o próximo sábado, día 28, cun acto institucional ás 17.00 horas. O goberno local amosa a súa “satisfacción e orgullo” por esta distinción, que recoñece a calidade das augas e dos servizos deste areal. Mentres os veciños e hostaleiros da zona acollen a noticia con sorpresa, ao tempo que confían en que sirva para mellorar a limpeza e as dotacións da zona “durante todo o ano”.
Algúns aínda se amosan escépticos por este galardón que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor e que tradicionalmente se asocia a areais con máis atractivo turístico. Con todo recoñecen que o traballo feito nos últimos anos por parte da administración mellorou as condicións da praia, que conta no novos servizos. Entre as melloras está a ampliación do servizo de vixilancia, que se desenvolverá todos os días en horario de 11:00 a 20:00 horas ata o 15 de setembro. Os vixilantes entenden que esta Bandeira Azul servirá para que máis xente coñeza a praia, que conta “con todos os servizos e accesos para persoas con discapacidade”, e que será “moi positivo” para a zona de Cesantes. Mentres os hostaleiros da zona, que rexentan bares ou quioscos, teñen outra visión. Recoñecen as melloras dos últimos anos, como nos accesos ou o paseo marítimo, pero demandan “máis limpeza”. Algúns, como Enrique, advirten que a praia necesita servizos “fundamentais” como uns baños públicos aos que os visitantes poidan acceder “sen limitacións”, xa que agora só están abertos no horario de atención dos efectivos de vixilancia, que son os que se encargan de abrilos ao público. Enrique non demanda grandes obras na praia, pero si uns traballos de mantemento “máis continuados no tempo”, cun servizo de limpeza ao longo de todo o ano, “cando menos nas fins de semana”. Con este distintivo a praia da Punta de Cesantes súmase aos outros 122 espazos do litoral galego galardoados. Galicia mantense como a Comunidade Autónoma española con maior número de Bandeiras Azuis en 2014, seguida pola Comunidade Valenciana (120), Cataluña (89) e Andalucía (81).