Durante as xornadas de sábado e domingo haberá actividades relixiosas coa tradicional procesión na que se engalana ao santo con millo, así como verbenas e sorteos. Todas as celebracións contan cunha zona de aparcadoiro habilitada para facilitar o acceso á celebración a todos os veciños e visitantes.
Os actos comezarán o sábado ás 12:30 horas cunha misa solemne en honra ao patrón parroquial. A continuación terá lugar a primeira das procesións na que os veciños, acompañados polo grupo de baile Solaina de Berducedo Piñeiro de Moaña, sacarán ao tres santos da igrexa adornados coa planta do millo a percorrer a parroquia. Ao finalizar a procesión os membros do grupo de baile moañés deleitarán aos asistentes cunha demostración de baile tradicional.
Pola noite terá lugar a gran verbena que contará coa animación musical do trío 3.com e o grupo Baía, co cantante José Costas á cabeza acompañado da cantante mexicana Marietta. Entre os diferentes postos da celebración haberá un bar instalado pola comisión de festas no que, ao redor da medianoite, realizarase un sorteo de produtos populares.
O domingo 29 a Agrupación Sons de Castro será a encargada dos pasarrúas e a partir das 11: 00 da mañá. O percorrido finalizará na igrexa parroquial onde se celebrará unha misa cantada pola coral de pensionistas de Pazos de Borbén e a posterior procesión.