Unha nova edición do carnaval o vindeiro 23 de agosto ou o XV edición do Festival de Artistas de Rúa na primeira fin de semana do vindeiro mes son algunhas das actividades que recolle a programación da Concellería de Cultura neste verán. As citas máis inmediatas esta semana o martes cun Festival internacional de foclore e o venres cun concerto a cargo de Marta Quíntana e Cuchús Pimentel na praza da Casa da Torre.
Unha cita festival multitudinaria que celebra este ano a súa XVII edición e que contará nesta ocasión coa actuación de Soraya Arnelas coñecida como Soraya, unha cantante que se dera a coñecer no programa Operación Triunfo e cuxa popularidade se incrementou logo do seu paso polo festival de Eurovisión no ano 2009. Algúns dos seus temas máis coñecidos son “La noche es para mi”, “Self control” ou recentemente “Plastic”. Unha actuación que se poderá vivir en directo o 23 de agosto enmarcada dentro da programación que organiza para o verán a Concellería de Cultura. O seu responsable Julio Alonso salienta que a elección desta artista “de ámbito nacional está na liña de actuacións anteriores como Los Inhumanos, Chimo Bayo, King África ou Georgie Dann entre outros que buscan animar unha festa como é o entroido de verán”. Previamente a esa data, a programación conta con outras actividades como por exemplo esta mesma semana un Festival Internacional de folclore que se vai desenvolver este martes 15 ás 22:00 horas na Praza da Casa da Torre e o venres un concerto a cargo de Marta Quintana e Cuchús Pimentel que presentará o traballo “Lus” E tamén neste mes de xullo coincidindo co festivo do 25 poderase gozar coa música de Alberto Vilas Quinteto. O pianista e compositor redondelán acompañado de Rosolino Marinello no saxo, Felipe Villar na guitarra, Juansy Santomé no contrabaixo e Javier Barral na batería presentarán o seu segundo traballo que leva pro título “Crónica Cromática”. Dende a Concellería destacan tamén como consolidado nesta programación de verán o Festival de Artistas de rúa que terá lugar na primeira fin de semana do mes de agosto e que volverá congregar na Alameda de Chapela actividades variadas de teatro, circo, mimos, maxia ou música. Será o venres 1 e o sábado 2 de agosto.