Malia que a maior parte dos asociados decantáronse por apoiar o proxecto da Unión Comercial de Redondela que prevé construír un parque comercial de medianas superficies na parcela de Canabal-Vilavella, cun 74% dos votos emitidos a favor do polígono fronte ao 25,4 que votaron en contra, ese apoio procedería principalmente do sector hostaleiro e do sector industrial, mentres que o 50% dos comerciantes consultados votaron en contra. O informe elaborado pola Asociación de Empresarios foi trasladado xa ao goberno local.
A Asociación de Empresarios ven de elaborar un informe no que se analiza polo miúdo os resultados dunha enquisa na que se convidaba aos seus asociados a pronunciarse sobre o proxecto de parque comercial de medianas empresas en Canabal. Unha votación que mostra como o sector comercial é o que está mais dividido xa que do 50% dos votos emitidos por este sector rexeita o proxecto, o 48,28% o apoian e tan só un 1,72% opta pola abstención.
O sector hostaleiro pronunciase maioritariamente a favor cun 87,50%, fronte a un 12,50% que vota en contra, cifras moi semellantes son as obtidas no sector servizos.
Pola súa banda, o sector industrial mostra un apoio unánime ao proxecto. O 100% dos votos emitidos polo sector industrial son a favor.
Indistintamente do posicionamento a favor ou en contra do proxecto, ambas posturas están suxeitas a unha serie de demandas ou condicionantes tanto dirixidas aos promotores do proxecto como á administración local: que o número máximo de establecementos sexa entre 7 e 10, que a superficie mínima sexa de 500m2, que non se permita o subarrendamento parcial dos locais, que o acceso aos establecementos sexa só dende o exterior e que non se permita o formato de “galerías comerciais”.
Un parque comercial cuxa realización depende necesariamente da recalificación dos terreos, que debe ser aprobada en Pleno.