Non houbo sorpresas e Bastos volverá ostentar o cargo de patrón maior durante catro anos máis logo da votación realizada entre os membros da nova xunta xeral resultante dos comicios celebrados nos pósitos galegos o pasado 28 de xuño. Reconstruír o peirao de Cesantes sobre pilotes e ampliar e rexenerar as zonas produtivas son os principais obxectivos que se marca o reelixido patrón maior quen se amosa satisfeito polo acadado ata o de agora “principalmente coa construcción da lonxa xa remetada”.
Entre os obxectivos que se marca para este novo mandato, que oficialmente non arrancará ata o vindeiro sábado 26 de xullo cando se produza a toma de posesión, Bastos insiste na necesidade de seguir adiante coa rexeneración de novas zonas produtivas. Un proceso consistente en botar area naqueles espazos que a día de hoxe están cheos de lodo e que permitiu recuperar xa 100.000 metros cadrados para o marisqueo. Con todo a actuación máis importantes pasaría por retirar o peirao actual, unha infraestrutura “que dificulta o paso das mareas e provoca importantes prexuízos nos bancos marisqueiros e nos areais da zona” para construír un peirao flotante sobre pilotes. Unha obra que ao entender de Clemente Bastos non sería tan custosa tendo en contra sobre todos os seus efectos positivos no sector marisqueiro pero tamén no turístico e medioambiental. Apunta tamén que conta co apoio da administración local para este proxecto. Entre os obxectivos xa acadados amósase especialmente satisfeito coa nova lonxa, un edifico xa construído no peirao e que está a piques de se inaugurar “pendente tan só de que se coloque o mobiliario”.Lonxe de calquera polémica sobre as súas dimensións e o seu impacto visual asegura que se trata dunha infraestrutura fundamental para asegurar o futuro do pósito e facilitar o traballo de mariñeiros e mariscadoras. O edificio ten unha superficie de 680 metros cadrados divididos en dous andares e está orzamentada en 725.000 euros.