En total serán máis de 30 establecementos do casco urbano os que participen desta actividade organizada pola Asociación de Empresarios e que se vai desenvolver na noite do venres, cando estes comercios, que abrirán as súas portas ata a unha da madrugada, ofrecerán aos seus clientes interesantes descontos e actividades variadas.
Esta primeira edición, que se fará coincidindo co XV Festival Internacional de Artistas de Rúa, contará con descontos que poderán ser nalgúns casos de ata o 70%, pero non só haberá descontos, o Comercio de Redondela, ofrecera música con DJ´s nos establecementos e nas rúas, demostracións de novas tecnoloxías, avances da nova tempada, cócteles, aperitivos e unha gran variedade de actividades dentro dos propios establecementos comerciais. O presidente da asociación engadía que dende o colectivo búscase “crear sinerxías e aproveitar a programación cultural do concello para dinamizar outros sectores”. Así, esta iniciativa nace coa idea de prolongarse no tempo e que sexa unha actividade paralela ao Festival aproveitando a presenza de público na rúa. En total máis de 30 locais, principalmente moda e calzado, así como tendas especializadas en produtos de agasallo. Un evento que organiza a Asociación facilitando aos negocios participantes unha decoración e un ambiente diferente, pero no que cada participante propón tamén a súa actividade concreta e diferenciada.