Aprobouse cos votos a favor da oposición unha moción do PSOE para a ampliación do servizo de emerxencias, actualmente atendido por un único traballador, un persoal que todos os grupos consideran claramente insuficiente para atender as emerxencias que se poidan producir no Concello. Con todo, o PP votou en contra porque segundo aseguran a normativa actual impídelles contratar máis persoal.
Os socialistas presentaban esta moción solicitando o reforzo do servizo de emerxencias porque “na actualidade é atendido por un único traballador na quenda de día mentres que no horario nocturno o mesmo empregado ten que estar localizable no seu domicilio”. Dende o PSOE critican que malia as promesas electorais logo de tres anos de goberno “o PP foi incapaz de crear un servizo de emerxencias como merece o Concello de Redondela” e solicitan que se amplíe con tres traballadores por quenda. No mesmo sentido se manifestaba dende AER o concelleiro Alfonso Blanco, quen acusaba aos populares de culpabilizar da falta de persoal ao anterior goberno “cando o PP levar a tres ano na alcaldía”. A nacionalista Cecilia Pérez Orge aseguraba que o goberno si ten mecanismos para facer esas contratacións “bastaría que argumentase a necesidade do servizo” e recriminaba aos populares que insistiran e responsabilizar da súa falta de xestión ao bipartito. Os populares en todo momento defenderon que a súa intención era ampliar o servizo, pero que nada podían facer ante a normativa actual que lles prohibe contratar máis persoal. Do mesmo xeito lembraban que os informes da Secretaría están a ser negativos en todas as súas propostas para ampliar o número de traballadores do Grumir. Finalmente o alcalde solicitaba ao PSOE que modificara a moción xa que en caso contrario tiñan que votar en contra pro tratarse dun acordo “inaplicable”. Finalmente aprobouse “a inmediata ampliación do Grupo de Emerxencias cun mínimo de tres traballadores por quenda o número mínimo imprescindible para prestar un servizo eficaz ante calquera incidencia”. Unha aprobación que segundo o PP só se podería facer “se nos saltásemos a lei”.