A Deputación de Pontevedra investirá este ano un millón de euros para mellorar e potenciar o Camiño de Santiago Portugués nos municipios da provincia polos que pasa a peregrinaxe. A mesa de traballo quedou formalmente constituída onte cos 12 concellos polos que pasa a ruta na provincia de Pontevedra.
Trátase da primeira mesa creada en Galicia para promover e poñer en valor o Camiño Portugués, co obxectivo de converter esta ruta nun “referente de accesibilidade, referente en sinalización e referente nun trato exquisito de información aos peregrinos”, tal e como salientou o presidente da Deputación Rafael Louzán. Con este obxectivo, a Deputación ten xa contratados a 50 traballadores e ampliará nos próximos días esta cifra ata os 100, para a realización de traballos de limpeza e acondicionamento da ruta ao seu paso polos 12 concellos da provincia de Pontevedra afectados.Paralelamente, unha consultora traballa na eliminación de puntos negros no cruce do camiño coas estradas nacionais, autonómica e provincias, así como en tarefas de sinalización e consolidación do camiño. Louzán considerou que se trata “dunha actuación fundamental” porque “se trata dun recurso turístico de primeira magnitude” cun gran potencial de crecemento e desenvolvemento.
A responsa ble de turismo da Xunta, Nava Castro, lembrou que os Camiños de Santiago “son o primeiro elemento vertebrador do turismo en Galicia” e exercen un gran poder de atracción no turismo internacional. Así, indicou que o 60% dos peregrinos que fan as distintas variantes do camiño son de fóra de España “polo que é preciso que esteamos preparados todos, tanto o sector público como a hostalería, a restauración e os servizos para mellorar o camiño”. Louzán pediu a implicación dos concellos e “superar posibles susceptibilidades” para sacar adiante a delimitación definitiva que “fará moito máis fácil manter o camiño en perfecto estado, como o queren ver e ter todos os camiñantes que van a Santiago” e que no que vai de ano se incrementaron nun 16%. Da Mesa do Camiño Portugués forman parte, ademais de Redondela, os Concellos de Tui, O Porriño, Mos, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures.