O grupo de animación musical presentará o seu último espectáculo na Alameda de Talo Río mañá venres. Unha cita divertida para o público infantil e familiar que non deixará de rir coas historias destes tres músicos de rúa metidos a cociñeiros.
Os Tres Tenedores misturan música, teatro e humor, con fins didácticos, e son especialistas “na mellor cociña musical” para os comensais “máis esixentes”. Saúl Cacharrón, un dos Tenedores, explica que a súa formación busca un xeito lúdico de achegar a música aos rapaces. Comparten plenamente o sentido británico de tocar instrumentos coma se dun xogo se tratase, “play” como se di en inglés, que significa tamén “tocar”. Teñen ás súas costas unha longa traxectoria de espectáculos nos que sempre misturan a música coa comida, facendo aos nenos partícipes das súas divertidas e disparatadas historias. Mañá en Arcade presentan o último dos seus traballos “Cocido Sinfónico”, o relato de tres músicos de rúa que atopan traballo nun restaurante que está a piques de abrir as súas portas. Preparen os oídos e as papilas gustativas para gozar desta actuación con todos os sentidos. Ás 21.00 horas na Alameda de Talo Río. Entrada libre. Os Tres Tenedores son Martín Nogueira Balseiros, Paco Nogueiras Nodar e Saúl Cacharrón Carril.