Nun escrito dirixido ao alcalde Javier Bas, o grupo municipal do BNG redondelán vén de solicitar un conxunto de medidas para mellorar a zona dos Eidos. Trátase dun entorno urbano que experimentou un gran crecemento nos últimos anos, e que segundo os nacionalistas está a degradarse “dun xeito preocupante”.
A concelleira Cecilia Pérez Orge, destaca que a construción da nova estación supuxo “un revulsivo” para esta zona, pero que o atraso nas obras “está a supoñer un atranco”. Advirten que na última década construíronse nos Eidos varios bloques de edificios, converténdose “nun dos núcleos de expansión de Redondela”. A maioría son familias con nenos, polo que demandan “a mellora das condicións de habitabilidade nos espazos comúns”. Lembran que existe nos Eidos unha área de 700 metros cadrados de titularidade municipal, cuxa finalidade “debería ser a de adicarse a de zona de lecer”. Demandan tamén a mellora da seguridade viaria “coa construción de pasos de peóns elevados”, xunto a sinalización de apoio e limitación da velocidade. Orge demandan tamén “unha presenza continuada do servizo de limpeza nos Eidos” e a dotación dun maior número de papeleiras. Outro problema engadido da zona e que por mor da crise económica algúns proxectos de construción quedaron paralizados. Por este motivo solicitan ao alcalde que contacte cos construtores para que se desmonten as grúas existentes, “e se tapie dun xeito seguro o perímetro destes solares”.