Logo de dúas xornadas de liga aínda é cedo para facer valoracións, pero o Choco aínda non foi quen de anotar un gol nos 180 minutos que leva disputados. Con todo, o adestrador resta importancia a situación, lembra que tanto no partido co Xuventú Sanxenxo como diante do Vilalbés tiveron ocasións claras de gol, aínda que faltou puntería.
Jacobo Montes pide “un pouco de paciencia” á súa afección logo dos resultados das primeiras xornadas. O equipo partiu coa desvantaxe de ter que confeccionar case un novo cadro con respecto ao ano pasado, xa que houbo 12 baixas suplidas por 12 incorporacións novas. O técnico traballa agora “para mellorar toda a engranaxe” co obxectivo de “acurtar prazos” e que todos se adapten ao xogo do Choco: un fútbol combinativo, de dominio de balón e de “achuchar” ao rival cando non te no esférico. Para Montes o estilo de xogo non debe cambiar, e a confección do equipo fíxose con esa filosofía. Reclamación por aliñación indebida Mentres no club agardan unha resposta da xuíza de Competición logo da reclamación que presentaron para impugnar o resultado do partido contra o Xuventú Sanxenxo no Baltar de Arriba (1-0). O argumento crave para promover a impugnación é a aliñación indebida do xogador Diego Peña, que acumula unha sanción da pasada tempada por acumulación de 5 cartóns amarelos cando militaba no seu anterior club, o Grixoa.