O Alcoubo de Zacande é un novo proxecto emprendedor de agricultura ecolóxica no que participan diferentes productores que se asocian para traballar terreos en desuso cedidos polos veciños e comercializar os seus produtos. Unha iniciativa que arrancou formalmente hai un ano e que engloba a seis produtores que se marcan como obxectivo a explotación de 40.000 metros cadrados de terreo.
Vivir da terra ao tempo que se explota dun xeito sostible e ecolóxico é o que levou a este grupo de produtores a se asociar e poñer en marcha o proxecto que leva por nome “O alcoubo de Zacande”. Son varias as leiras que traballan, sendo a día de hoxe un terreo en Cesantes o máis visible do proxecto. O seu obxectivo é chegar a traballar 40.000 metros cadrados de terreo destinando 15.000 á producción de cereal e 25.000 á produtos de horta. As primeiras colleitas están xa a seren comercializadas nos locais de hostalaría de Redondela e tamén a consumidores a título particular que poden encargar cestas de productos ecolóxicos de tempada entre os que se inclúen acelgas, cabaciñas, cebolas, coliflores, espinacas, tomates patacas ou pementos entre outros alimentos.