Os amantes do ciclismo teñen unha cita este domingo Redondela, nunha nova edición da Festa da Bicicleta. O percorrido será o mesmo de edicións anteriores, desde o aparcamento do Campo da Feira ata a praia de Cesantes, onde se fará un avituallamento para todos os participantes antes de regresar ao centro da vila. As inscricións comezarán ás 10.30 horas e a saída está prevista para as 11.30 horas.
Un ano máis chega a Festa da Bicicleta a Redondela, será este domingo, día 7 de setembro, cun percorrido de 7 quilómetros “accesible para todos os públicos”. O concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, explicou que será a mesma ruta da pasada edición, con saída desde o aparcamento da Feira ata a praia de Cesantes, onde os participantes poderán descantar e tomar un refrixerio. Logo regresarán á vila para dar unha volta polas rúas do centro antes de poñer fin á marcha no mesmo punto de saída, o aparcamento da Feira. Crespo confía en superar o número de participantes da pasada edición, con 600 ciclistas de todas as idades. Sinala que é unha actividade “moi familiar”, na que poden participan nenos e adultos de todas as idades, xa que o único tramo en pendente é a subida da praia. O alcalde, Javier Bas, animou ós veciños a participar e destacou que actividades deste tipo serven tamén para promocionar “deportes minoritarios” como o ciclismo. Salientou tamén a importancia desta marcha ciclista para concienciar á cidadanía sobre o uso da bicicleta como medio de transporte, máis sustentable que os de motor. Bas salientou que cada vez son máis os afeccionados á bicicleta que circulan polas estradas da bisbarra, e fixo un chamamento aos condutores para que “respeten” aos ciclistas e evitar así accidentes. Por outra banda lembrar que non hai escusa para non participar na Festa da Bicicleta, xa que o Concello pon a disposición dos veciños 25 bicicletas para aqueles que non dispoñan dela. O que deberán levar é o casco, xa que o seu uso é obrigatorio para participar.