As actividades enmarcadas dentro do programa Cómprazeme e abertas ao público en xeral arrancan este sábado ás 9:00 horas na praza de Redondela cunha xornada de promoción de produtos locais que se volverá repetir o día 19 de 10:00 a 12:00 h no mercado de Chapela. No desenvolvemento das xornadas realizaranse obradoiros de consumo responsable, ofrecerase unha degustación ás persoas asistentes e presentarase a guía de mercados de Redondela e Chapela: Mercados con sabor.
Un programa de actuacións nos mercados municipais que ten por obxectivo achegar á cidadanía aos mercados de Redondela e Chapela, mediante a posta en valor dos produtos e servizos que neles se oferta e que se vai desenvolver durante este mes de setembro e outubro con qctividades de formación relacionadas co corte e a presentación dos produtos pesqueiros, visitas guiadas de escolares de educación primaria para coñecer o mercado, un concurso de fotografía para o alumnado de secundaria e bacharelato e xornadas de información ao público. A primeira das actividades dirixida ao público en xeral desenvolverase este sábado día 6 no mercado de Redondela en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os asistentes participarán de obradoiros de consumo responsable, haberá unha degustación de produtos locais e presentarase unha guía dos mercados na que se recolle información diversa sobre os produtos que alí podemos atopar, receitas de peixes e mariscos e un calendario de produtos de tempada así como outras informacións.