Salek, Agla e Fatimetu foron os tres rapaces dos campamentos saharauís que pasaron este verán con familias de acollida en Redondela. Mañá regresan a África, logo de vivir durante dous meses esta experiencia solidaria que organiza a Asociación Galega de Axuda ó Pobo Saharauí.
Emilio Portela, delegado da ONG en Vigo, lamentou o escaso número de familias se ofreceron este verán para acoller nenos en Redondela, aínda que aclarou que se trata dunha situación xeneralizada en toda España, xa que dos máis de 10.000 nenos que participaban no programa hai tres anos, este verán só foron acollidos uns 4.500. Este mediodía participaron no Concello de Redondela na recepción ofrecida polo alcalde Javier Bas, xunto coas súas familias de acollida. Isabel, que participou por primeira vez no programa, tivo na súa casa a Salek, e cualifica a experiencia de “marabillosa”. Explica que resulta “moi gratificante” ver a felicidade deste neno de 7 anos, que descubriu en Redondela “un mundo diferente”, e amosouse “moi agradecido” por todo o que lle ofrecían. Carolina, que leva varios anos acollendo nenos, destaca tamén a importancia deste programa para a saúde destes rapaces. Un convenio co Sergas fai posible que poidan “pasar revisións médicas e recibir tratamentos dos que carecen nos campamentos”. O alcalde de Redondela, Javier Bas, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa París, amosaron o apoio do Concello con este programa solidario. Tamén animaron a outras familias de Redondela a seguir o exemplo de Isa e Pepe; Sindo e Luisa ou Carolina e Lisi, que compartiron este verán cos nenos saharauís.