Ambos os dous grupos políticos presentarán no vindeiro pleno municipal unha moción na que se amosan rotundamente en contra das pretensión dos Populares de modificar a lei electoral a tan só uns meses dos comicios municipais. Unha proposta que entenden “é un golpe á democracia”.
Os socialistas fan un chamamento á corporación municipal a se manifestar en contra da modificación da lei electoral que propón o Partido Popular para elixir directamente ós alcaldes por entender que “tentar cambiar agora dita Lei soamente responde a intereses escuros para tentar asegurar alcaldías ante unha considerable perda de votos que vai sufrir o grupo popular”. Unha modificación da lexislación vixente a medio ano dos comicios que, ao seu entender “ten un claro cualificativo e este é pucherazo”.
Apuntan tamén en defensa da actual lei que “un goberno de coalición pode xuntar a un 60 ou 70 por cento dos sufraxios, pero o grupo popular quere evitar isto e garantir gobernos con porcentaxes de votos do 40 por cento. É dicir, quere garantirse poder acceder a alcaldías en clara minoría e dando as costas as urnas”.
A moción do BNG vai máis aló, xa que ademais de rexeitar a reforma da lei Electoral proposta polo PP “por ser profundamente antidemocrática e contraria ao interese do conxunto da sociedade” propoñen tamén outro tipo de acordos encamiñados a incrementar a pluralidade política nos órganos de representación. Medidas tales como a eliminación da regra de D,Hondt como fórmula de asignación da representación nos órganos substituíndoa por outra que garanta un resultado máis proporcional á vontade expresada pola cidadanía, a eliminación do limiar mínimo para acceder á repartición de representación e a regulación da capacidade de convocatoria de referendos a todas as administracións en asuntos do seu interese, fixando un catalogo de asuntos que deben ser obxecto de consulta obrigatoria antes de adoptar unha decisión