A xuíza acepta unha das alegacións do Sanxenxo, que explica que a páxina web da Federación non estaba dispoñible para poder consultar a situación do xogador sancionado. Competición obriga ao futbolista a cumprir a sanción, pero a próxima xornada. Para a directiva do Choco a resolución é “bochornosa”, e van presentar unha reclamación ante o Comité de Apelación da Federación Española.
Cinco semanas tardou en coñecerse a resolución da xuíza de Competición e Disciplina. Un texto no que desestima a reclamación realizada polo Choco contra o Xuventú Sanxenxo por aliñación indebida no partido que enfrontou a ambos na primeira xornada de liga. A Federación recoñece que o xogador, Diego Peña, debería ter cumprido unha sanción que pesaba sobre el desde o final da pasada temporada e que lle impedía disputar o encontro contra os redondeláns. Con todo, dálle a razón ao Xuventú Sanxenxo, que alega que a páxina web da Federación non estaba dispoñible para poder consultar a situación do xogador. Admite a Federación que o sitio non estaba accesible para que os clubs puideran facer as comprobacións necesarias, xa que houbo cambios organizativos no sistema de xestión. Ademais ao equipo de Sanxenxo, que a pasada temporada militaba en Preferente, non lle foron remitidas as sancións de Terceira, onde agora compite. Peña Rivas arrastraba a sanción da pasada campaña, cando era xogador do Grixoa, en Terceira, polo que debería ter cumprido a sanción co seu novo equipo. O xogador deberá cumprir a sanción na próxima xornada. O presidente do Choco, Iván Crespo, amosouse indignado coa resolución. Entende que o feito de que a páxina web da Federación estivera bloqueada eses días, non pode ser unha escusa para non cumprir as sancións. Crespo lamenta que as normas “non sexan iguais para todos”, e advirte que é responsabilidade de cada club coñecer o regulamento da categoría na que milita e a situación dos seus xogadores. Entende que se Diego Peña ten que cumprir un partido de sanción, tal como recoñece a xuíza, debería telo feito na primeira xornada de liga, “non na sexta”. Por iso van recorrer esta resolución ante o Comité de Apelación da Real Federación Española de Fútbol, para o que teñen un prazo de dez días.