A Comunidade de montes de Trasmañó ten en marcha un ambicioso proxecto de posta en valor do monte comunal que pasa por diversificar a súa producción. A primeira fase xa está en marcha e consistiu en substituír as tradicionais plantacións de piñeiro e eucalipto por paulownia, unha árbore procedente de china que se caracteriza polo seu rápido crecemento.
Os baixos prezos no mercado das plantacións tradicionais e a maior calidade da madeira que produce a paulownia, levou á Comunidade de montes de Trasmañó a apostar por esta especie. Nese sentido e tal como explica o seu presidente Fernando Magadalena, o ano pasado decidiron destinar 4 hectáreas á producción de paulownia nun intento de diversificar a producción e elixindo unha árbore que presenta claras vantaxes: rápido crecemento, non é unha especie invasiva e produce unha madeira de gran calidade que polas súas características é coñecida como “o aluminio da madeira” moi demandada en diferentes sectores. Nunha segunda fase están a traballar xa na recuperación dos castiñeiros con denominación de orixe atendendo á saída que ten o seu froito, xa que a castaña autóctona é moi demandada no mercado para a elaboración de diferentes produtos. Magdalena engade que sería ademais unha fonte de emprego na época de colleita. Neste proceso de diversificación do monte traballan tamén na posibilidade de plantar arandos, logo de experiencias semellantes noutros montes que están a dar moi bos resultados. Unhas iniciativas pioneiras que provocan tamén certas reticencias por parte dalgúns veciños malia que “en xeral case todos se amosan abertos a estes cambios porque son conscientes de que as árbores tradicionais non producen beneficios”.