Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os escolares coñecen o Mercado

RR_Noticias

Os alumnos dos colexios de Redondela están a visitar o Mercado Municipal dentro dunha campaña de promoción das prazas de abastos. Deste xeito escolares de Infantil e Primaria poden coñecer de primeira man o funcionamento do mercado, os produtos que alí se venden, e interactúan cos vendedores para saciar a súa curiosidade. Tamén visitan a exposición “O choco baixo as ondas da Enseada de San Simón”, e sorpréndese cun documental sobre a vida este cefalópodo.

As visitas realízanse desde o pasado día 16 e ata o próximo martes, 30 de setembro. Purificación Alfonso, da empresa de formación Ardora, explica que a experiencia está a ser “moi boa” cos alumnos, que se amosan “sorprendidos e interesados” durante toda a visita. Son aproximadamente un cento os escolares que cada día visitan a praza. Onte foi a quenda dos alumnos dos CEIP de Ventosela, San Pedro de Cesantes e Porto Cabeiro. Os máis pequenos, alumnos de infantil de 4 e 5 anos, explican que o que máis lles gustou do percorrido foron os peixes e o documental sobre o choco. A Uxía, Xiana, Miguel e André pareceulles unha visita “moi divertida”. Tamén para a súa mestra, Susana, é unha iniciativa moi interesante, xa que para moitos dos alumnos esta era “a súa primeira visita” ao mercado, e o que aprenderon seralles “moi útil” nas aulas. Os vendedores do mercado tamén se implican con esta iniciativa, explicándolles aos nenos os diferentes produtos que se venden e as súas características. Para Jose Carlos, un dos peixeiros, é un bo xeito de que os máis pequenos coñezan o mercado e os produtos do mar. Unha experiencia que resulta sorprendente e moi enriquecedora para os alumnos. Tania, Raúl e Sofía, alumnos de 4º de Primaria de Porto Cabeiro, aseguran que o pasaron “xenial” e que lles gustou todo o que viron. Tamén os maiores, de 6º de Primeira, recoñecen que aprenderon “moitas cousas” con esta visita ao Mercado, e coinciden cos máis pequenos en que unha das cousas que máis lles gustou é o documental sobre o choco que viron na exposición. Para Sheila, Antía e Naiara, o mellor foi ver como o cefalópodo “poñía os ovos sobre un cabaliño de mar”. As visitan continúan hoxe cos alumnos do colexio A Marisma, e o martes serán os dos CEIP Igrexa, e CEIP Laredo, de Chapela, os que se acheguen ata o Mercado Municipal. Este proxecto de dinamización está cofinanciado polo Fondo Europeo de Pesca a través do Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo-A Guarda. O seu obxectivo é achegar á cidadanía aos mercados do municipio mediante a valorización dos produtos e servizos que neles se ofertan. O programa desenvolverase durante os meses de setembro e outubro e incluirá actividades de formación relacionadas co corte e a presentación dos produtos pesqueiros, un concurso de fotografía para o alumnado de secundaria que se celebra mañá sábado e xornadas de información ao público en xeral.

Purificación Alfonso de Ardora
A empresa de formación que organiza as visitas valora de xeito moi positivo o resultado.
Uxía Miguel Xiana e André
Estes alumnos de 5 anos cóntannos o que máis lles gustou da visita ao mercado.
Susana mestra de Infantil
Para o profesorado é unha iniciativa moi interesante coa que os alumnos aprenden de xeito lúdico.
Jose Carlos vendedor
No seu posto de peixe os rapaces aprenden a distinguir especies.
Tania Raúl e Sofía
Estes alumnos de 4º de Primaria explican o que lles pareceu máis interesante.
Sheila Antía e Naiara
Os alumnos de 6º aprenderon moito co documental sobre o choco.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará