O paro descendeu en Redondela en 66 persoas segundo se recolle nos datos feitos públicos pola Consellería de Traballo correspondentes ao mes de setembro. Un bo comportamento que tamén se constata no resto da bisbarra onde o paro experimenta lixeiras variacións pero en todos os casos, variacións á baixa.
En Redondela son 2.527 o número de desempregados de acordo aos datos feitos públicos hoxe pola Xunta de Galicia. O noso concello experimenta así un novo descenso no número de desempregados, sendo este mes 66 persoas menos as inscritas nas listas do antigo INEM repecto ao mes anterior.
O panorama tamén é sensiblemente mellor no concello de Fornelos con once desempregados menos, sendo agora 187 os veciños deste municipio que se atopan en paro. Comportamento semellante tanto en Soutomaior como Pazos de Borbén onde se constata un lixeiro descenso. En Soutomaior son 807 as persoas paradas, 2 menos que no mes de agosto e en Pazos de Borbén borráronse deste censo un total de nove veciños sendo actualmente 408 as persoas que non atopan traballo.