Foi un partido sen complicacións para os de Jacobo Montes, que se impuxeron con superioridade ao Bertamiráns cun marcador de 2-4. Xa ocupan a segunda praza do grupo, a tan só un punto do líder, o Barbadás, co que se enfrontan o domingo en Santa Mariña.
Terceira División
Bertamiráns 2-4 Choco
Logo duns inicios un tanto irregulares, o Choco atopou xa o seu camiño nesta liga e volve demostrar do que é capaz. A de onte foi unha vitoria cómoda ante o Bertamiráns, que lles permite seguir á espreita dos postos de promoción de ascenso. Os de Jacobo Montes controlaron o partido en todo momento, mentres o rival se limitou a pecharse no seu campo e dispor dalgunha ocasión á contra. Preto da media hora de partido, nun saque de esquina botado por Xosé ao segundo pau, Silva centrou ao corazón da área e Yago Vázquez, de cabeza, anotou o primeiro do Choco. Ao fío do descanso, o Choco ampliou a vantaxe nunha xogada combinada entre Gonza e Silva, finalizouna Hugo, que rematou cruzado e bateu ao gardameta local. Na segunda metade, os de Raúl Bralo animáronse e melloraron en ataque. As boas intencións materializáronse en dous tantos en menos de dez minutos, os dous firmados por Bruno. A punto estiveron os locais de darlle a volta ao marcador. Jesús recolleu un rexeite de Saro na banda esquerda, regateou a Cortegoso e a porta baleira fallou. Cando parecía que a remontada era posible chegou o terceiro tanto visitante, obra de Saúl, que deixou xeados aos xogadores do Bertamiráns. Xa no minuto 70 Hugo anotaba o 2-4 definitivo para o Choco. Con esta vitoria, que os leva á segunda praza, o Choco agarda en Santa Mariña polo líder, o Barbadás, do que só os separa un punto. Unha vitoria na casa podería darlle o liderado aos de Montes.
Segunda Autonómica
Choco B 6-1 Vincios
O filial do Choco goleou ao Vincios, e os tres puntos sérvenlle aos redondeláns para superar aos vigueses e subir varios postos na táboa. Agora son 7º. O domingo xogan no campo do Arenas, un dos pechacancelas do grupo
Arcade 1-1 C.Pontevedra
O Arcade puxo a proba ao líder, e mesmo errou un penalti con empate a ceros no marcador. Ao final, os de Soutomaior puxeron contra as cordas aos pontevedreses, que xogaban cun home menos. O Arcade tivo a posibilidade de facerse co encontro, pero finalmente tivo que conformarse co empate, e o Ciudad Pontevedra segue imbatido. O Arcade é 12º, e a próxima xornada xoga no campo do Poio, un dos pechacancelas do grupo.
Terceira Autonómica
Cesantes 1-1 Marcón B
Reparto de puntos que deixa ao Cesantes na 12ª posición da táboa e permite ao filial do Marcón sumar o seu primeiro punto da temporada. Na próxima xornada o Cesantes xoga no campo do Salcedo, 6º do grupo.
Moledo 1-2 Chapela
O Chapela sitúase no ecuador da clasificación logo da vitoria no campo do Moledo. Na próxima xornada reciben ao Coia, 3º do grupo.
Beretes Chapela 1-3 Nieto
A primeira parte foi boa para a Peña Beretes, que conseguiu chegar co empate ao descanso. Xa na segunda parte Diego Gil marcou as diferencias para o Nieto con dous goles que lle deron os tres puntos aos vigueses. Na próxima xornada xogan no campo do S.Eulalia.
Atios B1-0Vilar
Derrota pola mínima dos redondeláns, que son antepenúltimos do seu grupo. O domingo reciben ao Louredo, pechacancelas.