Converter unha idea nun negocio precisa dunha serie de pasos previos que as veces poden resultar complexos para os que se inician no mundo do autoemprego. Co obxectivo de axudar a que este proceso sexa o máis sinxelo posible a Concellería de Xuventude pon en marcha un ciclo de talleres para emprendedores como iniciativa para favorecer a inserción laboral que se van desenvolver do martes 7 ao sábado 11 en horario de 10:00 a 13:00 horas no Multiusos.
Uns obradoiros dirixidos a todas aquelas persoas interesadas en coñecer o desenvolvemento dun negocio. Ao longo dos cinco días de curso proporcionarase aos asistentes distintas nocións sobre os modelos empresariais máis viables na situación de crise económica actual, así como técnicas de xestión e pasos necesarios para a súa posta en marcha: trámites, financiamento. No caso de que o alumno teña en mente xa unha idea de negocio analizarase a súa proposta. O autoemprego é, segundo explica Antonio Monteagudo, responsable da empresa Estratexia Plus encargada de impartir estes talleres, unha alternativa nun mercado complicado no que as empresas non están a ofertar postos de traballo. Daráselle prioridade a persoas que teñan entre 18 e 35 anos, pero non se pecha a porta a outros segmentos de idade. De feito, os maiores de 35 entrarán nunha lista de espera e de non cubrírense a totalidade das prazas, serán admitidos. non é preciso ningún requisito a maiores xa que o perfil do alumno é amplo. A inscrición realizase no Departamento de Xuventude no Multiusos da Xunqueira, segundo andar, despacho 12. Tl. 986 400978. As solicitudes recolleranse por orde de chegada e ata completar prazas.