O pleno do Concello adxudicou o servizo a Clece, unha empresa multiservizos que asumirá a atención no domicilio por un período de seis anos. Teresa París, responsable de Servizos Sociais, salientou que “se rebaixa o prezo por hora que se lles cobra ás persoas dependentes”. PSOE e BNG malia apoiar a proposta “por tratase dun proceso regrado” criticaron a tardanza na adxudicación e que a rebaixa nos prezos non se aplique a todos os usuarios. AER optou pola abstención.
O servizo de axuda a domicilio é unha prestación que a día de hoxe está atendendo a unha 40-45 persoas mensualmente, usuarios que debido a súa situación persoal necesitan de atención orientada a mellorar a súa calidade de vida no fogar: axuda para a súa limpeza, para a preparación e adquisición de alimentos, apoio na hixiene persoal ou na mobilización da persoa. Unha atención que se presta a aqueles veciños que así o soliciten e cumpran unha serie de requisitos. O seu custe para o usuarios (unha porcentaxe importante do custe asúmeo directamente a administración) depende tamén da súa situación física e económica. Así, segundo explicaba a concelleira de Servizos sociais, Tersa París, a empresa Clece que se encargará de proporcionar este servizo en Redondela durante os vindeiros 6 anos rebaixa o prezo que se lle cobrará a aqueles veciños que teñan recoñecida a súa situación de dependencia, unha rebaixa que afectará “aproximadamente o 75% dos veciños que o solicitan”. Unha rebaixa que no BNG consideran insuficiente “xa que malia reducirse o prezo nas horas de dependencia cada vez son máis os veciños que demandan a atención a domicilio sen ter aínda o recoñecemento de dependentes” O PSOE a través da concellería Digna Rivas, criticaba “a mala xestión que se fixo neste proceso e que levou a que a contratación se demorase 4 meses”.