A Asociación de veciños de Cesantes e a confraría de pescadores de Redondela convocan mañá xoves unha concentración pacífica as cinco da tarde nas inmeidación da lonxa. O obxectivo é amosar o seu apoio aos traballadores do mar para que a Unión Europea estableza unha excepción na prohibición da pesca con redes de deriva e permita que os pescadores de xeito continúen empregando esta arte por entender que se trata dunha actividade tradicional que non esquilma os recursos mariños.
Neste sentido, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade un acordo en apoio da actividade das embarcacións que empregan a arte do xeito. O acordo rexistrouse por mor dunha iniciativa do BNG, na que o seu deputado Daniel Rodas demandaba do Goberno galego medidas ante a decisión do ministerio de pechar a pesqueira da sardiña que afecta a máis de 427 embarcacións dedicadas a esta pesqueira coa arte citada, das cales 40 son de Redondela.
Para o parlamentario nacionalista, as embarcacións do xeito representan no conxunto da pesqueira unha cantidade pequena, pero impedir a súa actividade conduce á precariedade e obriga a ter paralizada unha parte importante do sector, que tiña nesta arte unha alternativa ante as escasas capturas no marisqueo.