O conxunto redondelán perdeu a primeira posición da Terceira División no campo da Lomba, malia que ofreceu mellor xogo que os locais durante boa parte do encontro. Co resultado de 2-0 o Choco pecha a súa serie de cinco vitorias consecutivas e sitúase na segunda praza da categoría.
Terceira División
Arousa 2-0 Choco
O Arousa é o novo líder logo da vitoria de onte. Un resultado que non fixo xustiza ao esforzo dos pupilos de Jacobo Montes, que ofreceron unha moi boa imaxe. O Choco pagou moi cara a súa falta de definición de cara á portería local, mentres os de “Piscis” foron moi efectivos nos encontros con Cortegoso. O primeiro gol chegou cedo, cunha fermosa chilena de Quique Cubas que puxo o balón fóra do alcance do gardameta redondelán. A partir de aí, Cortegoso viuse menos ameazado que o porteiro arousán no resto do partido, pero acabou por encaixar outro gol xa na recta final do partido nunha falta sacada polo capitán local, Adrián Camiño.
O próximo domingo o Choco defende a segunda praza en Santa Mariña diante do Órdenes.
Arousa: Jorge Pérez; Juanjo, Juan Rodríguez, Martín, Nano; Vixo, Pablito (Javi Pazos, min. 73), Nando (Eloy, min. 55), Camiño, Capelo (Alfonso, min. 68); Quique Cubas.
Choco: Cortegoso; Yago Vázquez, Cris, Lucas,Carminatti; Muíños (Fernando, min. 84), Xosé, Pablo Piñeiro, Rober (Comis, min. 61), Hugo; Aítor Gómez (Albert, min. 66).
Goles: 1-0 Quique Cubas (min. 10); 2-0 Camiño (min. 83).
Árbitro: Fomoso Sánchez (Ferrol). Amoestou a Camiño polos locais e a Muíños, Cris, Lucas e Pablo Piñeiro polos visitantes.
Campo: A Lomba. 1.000 afeccionados.
Segunda Autonómica
Choco B 1-1 Lavadores
O filial do Choco conseguiu arrancar un empate ao Lavadores, que se adiantara cun gol de Joaquín. Os redondeláns empataron na segunda metade. Un punto que deixa ao Choco na 6ª praza. Na próxima xornada xogan no campo da Guía, un dos equipos que pecha a táboa clasificatoria.
Arcade 1-2 Bueu
O Arcade cae ao pozo da clasificación logo da derrota diante do Bueu. Na próxima xornada desprázanse ao campo do Mosteiro.
Terceira Autonómica
Cesantes 0-2 Pontecaldelas
Derrota do Cesantes que cede terreo e sitúase na metade baixa da táboa. O domingo disputan o derbi comarcal co Sotomayor, da metade alta.
Mosende 0-2 Chapela
O Chapela consolídase no grupo de cabeza do grupo, a un punto do líder, o Nieto. O domingo disputarán o derbi local Chapela-Beretes Chapela
Beretes Chapela 8-1 Fortuna Vigo
O Peña Beretes sumou a súa primeira vitoria nesta liga e fíxoo cunha goleada sobre o pechacancelas do grupo.
Vilasobroso 2-4 Vilar
Os redondeláns acadan unha importante vitoria nun encontro moi disputado e con moitos goles. Adiantáronse os redondeláns na primeira metade con 0-3 no marcador, con goles de Javier, Juan e Andrés de penalti. O Vilasobroso repúxose e recortou distancias na segunda parte cos goles de Pablo e Adrián. Pero Domingos sentenciou para o Vilar o 2-4 definitivo desde os 11 metros. O próximo domingo reciben ao Nespereira.