Os equipos redondeláns están a amosar un moi bo estado de forma e acadaban esta fin de semana dúas novas vitorias. Así, o equipo de Julio Mougán sumaba tres puntos en Baiona, situándose na segunda praza da categoría logo de vencer por 3-5 ao Baiña. O Campito pola súa banda é noveno logo de vencer por 7-2 ao Moaña. Peor lle foron as cousas ao Arealonga na autonómica norte, que caía por 8-4 no partido disputado no campo do Outeiro Rei.
Ata sete baixas presentaba o Redondela na tarde do sábado en Baiona, un punto de partida complicado para enfrontarse ao Baiña FS, un rival co pulso xa tomado a esta Liga Galega e disposto a facer suar e sufrir aos redondeláns. Houbo que tirar do filial e a táctica deu resultado porque os de Redondela vencían con contundencia nun encontro que rematou co resultado de 3-5. Na vindeira semana defenderán a súa segunda praza na categoría fronte ao Tui, nun encontro que se disputará no pavillón de Redondela.
Vitoria tamén para o Campito FS, que logo de vencer 7-2 ao Moaña se sitúa na novena praza da táboa. Na vindeira semana desprázanse ao campo do Cereixa..
As malas novas chegan dende a Autonómica Norte, categoría na que milita o Arealonga FS. Un equipo que caía na súa visita ao campo do Outeiro Rei, nun encontro que rematou cun 8-4 no marcador. Os de Chapela reciben na vindeira semana ao Castroverde.