A recente recuperación da fervenza de A Feixa na parroquia de Reboreda afectou a varias leiras de propiedade privada e provocou o malestar dalgúns dos seus propietarios quen denunciaron que a obra non foi consensuada cos eles. Dende a Agrupación de Electores acusan a concelleira de Parques e Xardíns, Mª José Barciela, de facer “tratos ocultos e de non informar correctamente os veciños da zona creando deste xeito un conflito entre eles”. Por este motivo solicitan a súa reprobación no pleno que se celebra este xoves ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.
Explican dende AER que foron varios os veciños que pasaron polo Concello para queixarse do peche do camiño público que transcorre ao carón do Alvedosa pola zona da Fervenza da Feixa, en Reboreda. Segundo explican este problema nace a raiz dunha actuación da responsable de parques quen se tería comprometido cun veciño
“dicíndolle que a cambio da cesión do seu terreo (consta documento de cesión), podería pechar cunha cancela un camiño público (acordo verbal feito pola concelleira)”. Un compromiso que tería creado un conflito entre os propios veciños.
Critican tamén que na recuperación da fervenza se tivese colocado “unha pasarela suxeita aos propios muíños, muíños con máis de cen anos de antigüidade”.
Pola súa xestión en toda a obra así como “polas súas formas caciquís” solicitan a reprobación da concelleira de Parques e Xardíns.