O adestrador da SAR Plastic Omnium está satisfeito coa situación do equipo na táboa da Primeira Nacional, onde ocupan a sexta praza, pero non co xogo do equipo. Asegura que aínda non espremeu todo o seu potencial, e está convencido de que unha vez rematado o período de adaptación o equipo ofrecerá un xogo de máis calidade, porque “hai moito marxe de mellora”.
Ese salto de calidade xa o experimentou a SAR na última xornada, nun encontro diante do Granitos Ibéricos no que os de Carlos Rey protagonizaron unha importante remontada. Os números están a responder aos obxectivos do club, logo de seis xornadas acumulan tres vitorias e un empate fronte a dúas derrotas, sufridas ademais contra os dous primeiros equipos da táboa, Seis do Nadal e Cisne. Agora preparan o encontro do sábado, que volverá a ser como visitantes na pista do Bueu. Os do Morrazo están no pozo da clasificación, só suman dous puntos, pero Rey non se fía. O técnico redondelán lembra que os anfitrións melloraron moito o seu xogo, con cambio de adestrador incluído, polo que agarda un partido difícil no que a SAR terá que estar ao cen por cen se quere traer un resultado positivo. O Bueu será un dos equipos que pelexe pola permanencia nunha categoría na que, segundo Rey, hai tres ligas diferentes: a dos catro equipos que pelexan por meterse na fase de ascenso (Seis do Nadal, Cisne, Chapela e Xiria), outra media ducia que aspira a manterse na parte alta da táboa, entre os que se atopa a propia SAR, e os do furgón de cola, cuxo obxectivo é a salvación. A canteira da SAR Carlos Rey é tamén o director deportivo da SAR, unha faceta na que o principal obxectivo é facer do balonmán base redondelán “un referente”. Para o técnico o traballo cos rapaces e rapazas supón unha labor “máis de educador que de adestrador”, xa que o fundamental é formalos “como persoas”. Rey explica que é fundamental a través do deporte de equipo infundirlles valores como o compañeirismo, a solidariedade e a igualdade. “Todos teñen o mesmo dereito a xogar”, afirma o técnico, tanto os que xogan ben como os que teñen máis dificultades. Todos son importantes no equipo, e esa é a mensaxe que queren transmitir nas escolas base da SAR.